A Lareira

É a parte principal da vida doméstica. O centro da casa, o lugar onde facer a comida, quecerse do frío, contar contos, xuntar á familia e visitantes, xantar… onde ferve o caldo na invernía, onde se contan historias transmitidas oralmente de xeración en xeración. A lareira é sempre construida en lousa de granito, sobre a que arden achas de madeira e se coloca o tres pés, o pote e a gramalleira, dotada dun tiro, ou cheminea, e unha campá ou cambota. Nela estaba tamén o forno de cocer. Por extensión dalle nome á cociña, unha pequena sala, sendo este o espazo no que está a alacena, o alzodoiro, a artesa, o banco de sentar, a louza, o balde, o vertedoiro, a moa… e que tamén se usaba para durmir.